18/09/2013

As pontes

AS PONTES 
As pontes son estruturas que os seres humanos foron construíndo ao longo dos tempos para superar as diferentes barreiras naturais coas que se atoparon e poder trasladarse dun sitio a outro. Dependendo do uso que se lles dea, reciben nomes particulares, como acuedutos, cando se empregan para a condución da auga, viadutos, se soportan o paso de estradas e vías férreas, e pasarelas, se están destinados exclusivamente á circulación de persoas.

 OS MATERIAIS
 As características das pontes están ligadas ás dos materiais cos que se constrúen:
  
As pontes de madeira, aínda que son rápidas de construír e de baixo custo, son pouco resistentes e duradeiras, xa que son moi sensibles aos axentes atmosféricos, como a choiva e o vento, polo que requiren un mantemento continuado e custoso.

As pontes de pedra, dos que os romanos foron grandes construtores, son tremendamente resistentes, compactas e duradeiras, aínda que na actualidade a súa construción é moi custosa. Os coidados necesarios para o seu mantemento son escasos, xa que resisten moi ben os axentes climáticos.

As pontes metálicas son moi versátiles, permiten deseños de grandes luces, constrúense con rapidez, pero son caras de construír e ademais están sometidos á acción corrosiva, tanto dos axentes atmosféricos como dos gases e fumes das fábricas e cidades, o que supón un mantemento caro.

As pontes de formigón armado son de montaxe rápida, xa que admiten en moitas ocasións elementos prefabricados, son resistentes, permiten superar luces maiores que as pontes de pedra, aínda que menores que as de ferro, e teñen uns gastos de mantemento moi escasos, xa que son moi resistentes á acción dos axentes atmosféricos.

AS FORMAS
 Basicamente, as formas que adoptan as pontes son tres, que por outra banda, están directamente relacionadas cos esforzos que soportan os seus elementos construtivos.  
Pontes de viga
 Están formadas fundamentalmente por elementos horizontais que se apoian nos seus extremos sobre soportes ou alicerces. Mentres que a forza que se transmite a través dos alicerces é vertical e cara abaixo e, por tanto, estes se ven sometidos a esforzos compresión, as vigas ou elementos horizontais tenden a flexionarse como consecuencia das cargas que soportan. O esforzo de flexión supón unha compresión na zona superior das vigas e unha tracción na inferior.

Pontes de arco Están construídas basicamente por unha sección curvada cara arriba que se apoia nuns soportes ou estribeiras e que abarca unha luz ou espazo baleiro. En certas ocasións, o arco é o que soporta o taboleiro da ponte sobre o que se circula, mediante unha serie de soportes auxiliares, mentres que noutras é do que pende o taboleiro mediante a utilización de tirantes. A sección curvada da ponte esta sempre sometida a esforzos de compresión, igual que os soportes, tanto do arco como os auxiliares que sustentan o taboleiro. Os tirantes soportan esforzos de tracción.

Pontes colgantes Están formadas por un taboleiro polo que se circula, que pende, mediante un gran numero de tirantes, de dous grandes cables que forman senllas catenarias e que están ancorados nos extremos da ponte e suxeitos por grandes torres de formigón ou aceiro. Con excepción das torres ou alicerces que soportan os grandes cables portantes e que están sometidos a esforzos de compresión, os demais elementos da ponte, é dicir, cables e tirantes, están sometidos a esforzos de tracción.

Sem comentários: